Carapuchiña Vermella
Carapuchiña Vermella | |
---|---|
Carapuchiña Vermella Ilustración de Jessie Willcox Smith, 1911 | |
Título orixinal | Le Petit Chaperon Rouge (francés), Rotkäppchen (alemán) |
Autor/a | Perrault, Irmáns Grimm |
Orixe | Europa (Francia, Alemaña) |
Tema(s) | impostor e danger |
Xénero(s) | Conto de fadas |
[ editar datos en Wikidata ] |
Carapuchiña Vermella[1] é un conto de fadas de transmisión oral, espallado por gran parte de Europa, que despois se plasmou en diferentes escritos; chamado así polo feito de que a nena protagonista leva sempre posta unha carapucha ou caparucha de cor vermella. O relato marca un claro contraste entre a aldea segura, e o bosque perigoso; unha contraposición habitual no mundo medieval.
Resumo
[editar | editar a fonte]Carapuchiña era unha rapariga que quería moito á súa avoíña; un día súa nai deulle un queipo cheo de comida para lle levar á súa avoa, que moraba nunha casa do bosque.
A nai advertiulle que mentres pasase pola fraga non saíse do camiño e non se entretivera. Carapuchiña, obediente, marchou á casa da avoa como a súa nai lle dixera.
Cando pasaba polo bosque, atopou o lobo, que lle preguntou a onde ía. Carapuchiña respondeulle que á casa da súa avoíña, que estaba doente, para lle levar algo de merenda, contándolle todo o que levaba no queipo.
Entón o lobo retou á Carapuchiña a facer unha carreira até a casa da vella. Díxolle que existían dous carreiros, un longo e outro curto, e que lle deixaría a ela tomar o curto, mais realmente foi el quen colleu o curto.
O lobo, que claramente chegou antes á casa da anciá, fíxose pasar por Carapuchiña trala porta. A avoa fíxoo pasar, dicíndolle que a porta estaba xa aberta, o lobo entrou, comeu a avoa dunha chanchada, e puxo a roupa desta para se facer pasar pola vella; despois deitouse e agardou á rapaza. Entrementres, Carapuchiña. Esquecendo o que a nai lle dixera, aínda fedellaba no bosque a apañar flores polo camiño longo.
Cando chegou á casa da avoa, petou na porta e ouviu que lle dicían que abrise a porta e que entrase. Carapuchiña fíxoo así, e xa dentro comezou a falar con quen cría a súa avoa (que era realmente o lobo). Este invitouna a se deitar con 'ela' para queceren un chisco.
C – Por que eses ollos tan grandes?
L – Ó miña ruliña, son para te enxergar mellor.
L – É para te comer mellor!![2]
C – Por que esas orellas tan grandes?
L – Son para te ouvir mellor.
C – E por que esa boca tan grande?.
Versións
[editar | editar a fonte]Charles Perrault
[editar | editar a fonte]Perrault foi o primeiro que recolleu a historia e a incluíu nun volume de contos no ano 1697, no que salientaba sobre os outros por ser, máis ca un conto, unha lenda bastante cruel, destinada a previr ás nenas de encontros con descoñecidos, e cuxo ámbito territorial non ía máis aló da rexión do Loira, a metade norte dos Alpes e o Tirol.
Este autor suprimiu o lance no que o lobo, xa co disfrace da avoa, convida á nena a xantaren carne e sangue, pertencentes á coitada da vella que acababa de desmembrar. No mesmo ca no resto dos seus contos, quixo dar unha lección moral ás rapazas que falaban con descoñecidos, engadindo unha mensaxe moral explícita, inexistente até entón na historia.
Irmáns Grimm
[editar | editar a fonte]No 1812, os irmáns Grimm, viraron doutra volta a historia. Retomaron o conto, e escribiron unha nova versión, que foi a que converteu á Carapucha nun personaxe de sona universal, sendo quizais hoxe o conto máis lido.
Malia o que se poida pensar, os irmáns Grimm non só transcribiron verba por verba a tradición oral. Partiron de tres fontes: a primeira, o conto de Perrault de 1697; a segunda, unha versión oral dunha moza que tivera acceso a unha boa educación, e que, polo tanto, é probábel que coñecese o escrito de Perrault; e a terceira, unha obra escrita no 1800 polo autor Ludwig Tieck, "Leben und Tod des kleinen Rotkäppchens: eine Tragödie" ("Vida e morte da cativa Carapuchiña Vermella. Unha traxedia"), na que se introduce a figura do home que fende leña no monte, e que salva á meniña e mais á avoa.
Os irmáns Grimm escribiron unha versión máis inocente, e con menos elementos eróticos que as publicadas anteriormente. Ademais engadiron un final feliz para o conto, tal e como acostumaban ter os contos da época.
Propuxeron un final alternativo, no que un pouco antes de que o lobo comese a Carapuchiña, ela berra e o leñador que andaba preto acode á nena, mata o lobo, ábrelle o bandullo e tira á avoa milagrosamente viva.
Outra versión que tamén se lle adxudica aos irmáns Grimm é na que a avoa, salva á súa neta e a si mesma sen axuda algunha. Este segundo final enlaza coa tradición italiana do conto, no que a muller sabe apañarse soa ante a ameaza do perigo.
Icona popular
[editar | editar a fonte]Carapuchiña vermella é toda unha icona da cultura popular e, en moitas ocasións, ten influído na sociedade urbana na crenza de que o lobo é perigoso para os seres humanos. En troques a outras obras e mitos coma o de Rómulo e Remo[3] ou O libro da selva,[4] onde son as lobas as que coidan aos cativos, protéxenos e quécenos, até se valeren por si mesmos, este conto presenta un lobo intelixente e cruel.
Adaptacións
[editar | editar a fonte]- La finta nonna ("A falsa avoa").[5][6]
- Le Petit Chaperon Rouge ("A Carapuchiña Vermella")[7][8] dentro de Histoires et contes du temps passé, avec des moralités. Contes de ma mère l'Oye ('Historias e contos do pasado con moralidade. Contos de miña nai a Gansa')[9][10] en 1697 por Charles Perrault.
- Rotkäppchen dentro de Kinder- und Hausmärchen ('Contos da nenez e do fogar'), en 1812, polos irmáns Grimm.
- O poema de Gabriela Mistral.
- A versión erótica de Tex Avery do ano 1943.
- "Caperucita Verde", capítulo da telenovela arxentina, Casi ángeles.
- The Company of Wolves (A Compañía dos Lobos), do director Neil Jordan, é unha versión cinematográfica do conto no que Sarah Paterson facía o rol de Carapuchiña e Angela Lansbury o da avoa do conto.
- Tokyo Akazukin é un manga xaponés creado por Benkyo Tamaoki, que describe a historia dunha rapariga chamada Akazukin (que literalmente significa Carapuchiña Vermella) que só ten un desexo na vida: ser devorada por unha criatura chamada Sr. Lobo.
- O filme de animación Hoodwinked! (en Galicia co título castelán: La increible pero cierta historia de Caperucita Roja).
- Carapuchiña Vermella, a quen tes medo?, da directora Catherine Hardwicke, é unha versión cinematográfica de estrea en 2011 e baseada no conto dos irmáns Grimm.
Tamén se fixeron dous filmes de terror, obras pornográficas[11] e adaptacións aos tempos actuais substituíndo os protagonistas e locais por elementos de Internet ou cambiando os personaxes por persoas reais.
No filme Hard Candy (2005), a rapaza que interpreta Ellen Page aparece ao final do filme vestida cunha carapucha encarnada, en alusión ao seu personaxe que semellaba (tan só) unha nena indefensa.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Obra do inglés George Frederic Watts (1817 - 1904).
-
Carl Offterdinger.
-
Walter Crane (1845 - 1915).
-
Arpad Schmidhammer (1857 - 1921). Das Deutsche Bilderbuch, Nr. 4 ("O álbum alemán", nº 4). Maguncia, 1904.
-
Representación no parque Efteling.
-
Representación no parque Efteling.
-
Representación no parque Efteling.
-
Carapuchiña Vermella, escultura de Jean Carlus, en Bos Aires.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Traducido por Isabel Soto e publicado por El Patito Editorial en 2010.
- ↑ A partir de aquí é cando se dan as diferenzas máis importantes entre as versións antigas máis espalladas.
- ↑ Virxilio Marón, Publio, La Eneida. Madrid: Espasa-Calpe, 2007. ISBN 84-670-2233-7
- ↑ Kipling, Rudyard, Cajón de cuentos. Barcelona: Zendrera Zariquiey, 2002. ISBN 84-8418-108-1
- ↑ "Anonimo. La finta nonna" (PDF) (en italiano). 2017-01-13. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xaneiro de 2017.
- ↑ "1a esercitazione: La finta nonna" (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2004.
- ↑ Perrault, Charles (1628-1703). "Cuentos de Perrault". www.cervantesvirtual.com. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2010. Consultado o 2019-02-26.
- ↑ "bibliotheca Augustana". www.hs-augsburg.de. Consultado o 2019-02-26.[Ligazón morta]
- ↑ "bibliotheca Augustana". www.hs-augsburg.de. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2011. Consultado o 2019-02-26.
- ↑ "Cuentos de Perrault". www.cervantesvirtual.com. Consultado o 2019-02-26.
- ↑ Cohn, Gary (guion) & Texeiro, Mark (ilustración), Red Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine. , arquivado dende o orixinal Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine. o 28 de febreiro de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carapuchiña Vermella |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bettelheim, Bruno (2006). Psicoanálisis de los cuentos de hadas. Colección Ares y Mares. Barcelona: Editorial Crítica. ISBN 978-84-8432-788-2.